Unha empresa dedicada á eliminación de malos olores, AmbiDeleite, despega a súa actividade no viveiro da Cámara de Comercio de Santiago

Instaláronse na incubadora, que alberga actualmente a 46 empresas, Dama Synergie de externacionalización de servizos comerciais e Bomdía, un proxecto de axuda no fogar

A Cámara de Comercio de Santiago de Compostela deu a benvida nos últimos meses a sete novas empresas no viveiro de Costa Vella (Polígono de Costa Vella, 40), incubadora cualificada polo informe da Fundación de las Cajas de Ahorros (FUNCAS) como a mellor de España en 2015. Tres emprendedores contan a súa experiencia personal para constituír a empresa e instalarse nun viveiro para a súa consolidación empresarial.

O emprendedor José Luis Otero, cansado da falta de oportunidades laborais e da súa mala calidade, instalouse no viveiro de Costa Vella cun proxecto innovador nun sector pouco explotado en Galicia. Crea AmbiDeleite, dedicada ao marketing olfativo, aromatización de espazos e eliminación de olores para todo tipo de empresas. A pesar de levar pouco tempo na incubadora de Costa Vella, José Luis Otero está satisfeito co trato recibido e de compartir unha estancia agradable co resto de emprendedores.

AmbiDeleite abarca todo tipo de clientes, desde particulares de inmobles e comunidades de propietarios, con produtos especiais para a eliminación de malos olores de mascotas, en hostalería con servizos para hoteis, albergues, restaurantes, bares e pubs, entidades sanitarias como xeriátricos, centros de día ou hospitais, e para todo tipo de negocios comerciais. “O primordial é ofrecer ao cliente atención de calidade, prestando o servizo e aportando solucións da mellor maneira posible” –explica José Luis Otero–.

Axuda comercial e no fogar

E como non, o emprendemento feminino tamén está presente e con moita forza no viveiro. Recén chegadas, Ivita Alvite e Mónica González estanlle dando forma a Dama Synergie, una empresa de externacionalización de servizos comerciais. A idea de negocio xurdiu por unha necesidade que as emprendedoras detectaron en anteriores postos de traballo como comerciais. “Hai unha falta de profesionalización no sector e a labor comercial, fundamental para a supervivencia da empresa, continúa a ser menosprezada” –indican–.

En Dama Synergie ofrécese a externacionalización do departamento comercial na súa totalidade, aportándolle á empresa a oportunidade de estar presente no mercado e atender debidamente aos seus clientes. No caso das pequenas empresas, explican que o persoal pode adicarse ao seu labor e “non facer a tarefa comercial que moitas veces lles chega de rebote”. E desde o punto de vista das grandes firmas, Dama Synergie ofrece a posibilidade de implantarse en zonas onde non tiñan presenza, “cun gasto mínimo e reducindo custos e riscos”. En concreto, encabezan a súa lista de clientes todos aqueles que ofrecen un servizo ou produto diferenciados á industria ou á Administración Pública.

En canto a súa situación na incubadora, as emprendedoras destacan que a estancia é boa e que xa mesmo xeraron algunha iniciativa orientada a mellorar o negocio entre outras empresas residentes no viveiro. Conclúen ademais que os técnicos da Cámara ofrécenlles información continua de todas as novidades empresariais. “Escollimos o mellor sitio no que podiamos estar e recomendámosllo a todos aqueles que estén pensando en crear unha empresa” –sinalan–.

Miguel Ángel Valcárcel chegou ao viveiro de Costa Vella co seu proxecto Bomdía baixo o brazo. Cunha idea de negocio destinada á axuda e acompañamento no fogar, o emprendedor decidiu apostar polo autoemprego nun sector no que xa tiña experiencia pero ofrecendo servizos profesionalizados de atención á dependencia. “Desde Bomdía prestamos un servizo profesional e de calidade para a axuda no fogar co fin de atender situacións persoais complexas” –explica–.

Actualmente, Bomdía ofrece atención sociosanitaria no domicilio, acompañamentos fóra do domicilio e hospitalarios, servizos de fisioterapia, podoloxía, perruquería e estética a domicilio, ademais de venda e aluguer de axudas técnicas. “Buscamos a permanencia da persoa na súa contorna habitual, grazas a figura do técnico que actúa de apoio para usuarios e familiares realizando as funcións de informar, orientar e mobilizar recursos para cubrir as múltiples necesidades que lle poidan xurdir ao usuario” –manifesta–.

Aínda co peso da competencia, Miguel Ángel Valcárcel considera que Bomdía ten posibilidades de facerse un oco pola calidade do servizo nun sector, sobre todo a nivel privado, caracterizado pola precariedade e a economía somerxida. “Ofrecendo un servizo con garantías, nas condicións axeitadas e a correspondente cobertura legal os clientes chegan polo boca a boca” –asegura–.

Na súa curta estancia no viveiro de Costa Vella, Miguel Ángel Valcárcel considera que a incubadora facilita moito a posta en marcha e os primeiros pasos dunha empresa. “Contar co apoio do viveiro foi fundamental para sacar adiante a idea de negocio” –apunta–.

Calidade do emprendemento, cun 76% de taxa de supervivencia empresarial

Na actualidade, o viveiro de empresas de Cámara acolle a 46 empresas, o que supón un nivel de ocupación do 80%. Desde o seu nacemento en 2006, pasaron pola incubadora un total de 147 firmas, cunha taxa de supervivencia empresarial do 76%, cifra que amosa o seu correcto funcionamento e a calidade do seu emprendemento.

O viveiro xerouse para impulsar a creación, crecemento e consolidación de empresarios individuais e empresas. Forma parte activa da Rede Incyde, a maior de Europa, que actualmente engloba a 117 incubadoras en activo, o que permite aos viveiristas ter acceso a unha axenda internacional de contactos e eventos.