A exposición “Picheleir@s” volve pendurar de varios edificios do centro histórico compostelán

picheleirosRecolle algún dos oficios con maior protagonismo na cidade dende a Idade Media, a través de bandeirolas que indican o lugar aproximado onde viviron ou traballaron os persoeiros seleccionados

Volve ás rúas do centro histórico compostelán a exposición “Picheleir@s”, promovida polo Consorcio de Santiago e que se inauguraba en 2014 con grande éxito. Esta mostra recolle a maioría de oficios e profesións -moitos xa desaparecidos- que tiveron protagonismo na cidade dende a Idade Media ata a actualidade.

Son 30 bandeirolas de gran colorido que mostran a un persoeiro real, cun oficio particular, e sitúanse na fachada dos edificios nos que viviron ou traballaron: rúa da Acibechería, Praza de Cervantes, Casas Reais, Porta do Camiño e na Rúa de San Pedro. Permanecerá ata mediados de setembro.

Esta exposición, comisariada por Mercedes Pintos permite facer un percorrido pola historia de Compostela a través da vida cotiá dos veciños que habitaron nela ao longo de diferentes séculos. Nas bandeirolas aparece o nome do personaxe, o seu oficio e a data referenciada na documentación que existe de cada un. Complétanse cun debuxo dos persoeiros, realizado polo ilustrador galego Xulio Gayoso, e unha frase explicativa de quenes eran e en que consistía o seu traballo. O deseño das lonas é de Libertad Ramírez.

Picheleiros é como se lles chama aos composteláns, en alusión aos artesáns que facían os picheis, recipientes usados sobre todo para extraer o viño dos barrís, e outros trebellos de cociña, todos eles de estaño. Xunto a ilustres arquitectos e escultores, ao longo da historia existiron miles de persoas anónimas que co seu esforzo silencioso lograron que a cidade de Santiago sexa hoxe Patrimonio da Humanidade. Con esta iniciativa búscase recuperar a esas xeracións de picheleiros que foron tecendo a rede urbana.