A Cámara de Santiago presenta unha proposta para fomentar o emprendemento en Porto do Son e colaborar na xestión do viveiro de empresas de Noal

Ofrece apoio no ámbito educativo, análise de proxectos, asesoramento xurídico-empresarial, busca de financiamento e formación, grazas a súa experiencia coa incubadora compostelá de Costa Vella, a mellor de España en 2015

O presidente cameral, Jesús Asorey, e o alcalde soense, Luis Oujo, reuníronse o luns no Concello

O presidente da Cámara de Comercio de Santiago de Compostela, Jesús Asorey, e o secretario xeral da entidade, Fernando Barros, reuníronse o pasado luns, día 18, co alcalde de Porto do Son, Luis Oujo, para presentarlle unha proposta de potenciación do emprendemento e do viveiro de empresas do municipio, situado na zona de A Tarela na parroquia de Noal.

Desde a súa experiencia en creación de empresas e xestión do seu propio viveiro no polígono compostelán de Costa Vella, que este ano cumpre o seu décimo aniversario, a Cámara de Comercio de Santiago ofrece ao Concello de Porto do Son un programa de servizos e actividades para cubrir todo o ciclo de vida do emprendemento, desde o fomento das vocacións empresariais, pasando polo asesoramento na posta en marcha do proxecto empresarial ata a súa consolidación. “O viveiro de empresas é un instrumento clave para o nacemento e consolidación de empresas, a xeración de emprego e riqueza e a rexeneración do tecido produtivo da súa contorna” –explicou Asorey–.

Para fomentar o emprendemento no municipio soense, a Cámara de Comercio de Santiago pon a súa disposición a súa metodoloxía e experiencia contrastada para, ademais de dar acollida física a novos proxectos empresariais con condicións económicas ventaxosas na súa estancia, ofrecer acompañamento empresarial, formación, titorización, consultoría, networking, mentorización e asesoramento especializado segundo as necesidades de cada proxecto. En concreto, a Cámara propón cinco eixos para activar o emprendemento en Porto do Son:  dinamización e fomento do espírito emprendedor no ámbito educativo, elaboración, estudo e análise de proxectos, asesoramento xurídico-empresarial, apoio á busca de financiamento e formación para aprender a emprender.

Pola súa parte, Luis Oujo manifestou o seu interese pola proposta e asegurou que a ía estudar e valorar para a súa posible implantación no Concello de Porto do Son. Na actualidade, a Cámara está ofrecendo o seu apoio en asesoramento e xestión ao viveiro de empresas de Riveira, posto en marcha este mesmo ano co respaldo da Deputación da Coruña e a Fundación Incyde.

O viveiro de Costa Vella, designado polo informe Funcas da Fundación de las Cajas de Ahorros como o mellor viveiro de España en materia de preincubación e incubación básica de proxectos empresariais en 2015, conta a día de hoxe con 42 empresas con ubicación física e no viveiro virtual. “As empresas que nacen baixo o amparo dun viveiro teñen uns índices moi superiores de supervivencia, logrando invertir a pirámide de mortalidade empresarial, de forma que máis do 80% dos nuevos proxectos empresariais sobreviven despois do período de incubación, mentres que aquelas que non contan con ese apoio morren, de media un 70% nos catro primeiros anos de andadura empresarial” –indicou o presidente da Cámara–.

Barros, Asorey e Oujo