O Museo Casa da Troia abre de forma permanente desde mañá martes-19 ata principios de setembro

salaAbre de martes a sábado de 11 a 14 e de 16 a 20 horas, os venres abre ata as 22 horas e os domingos e luns está pechado  

O Museo Casa da Troia abre as súas portas a diario desde mañá martes, 19 de xullo, ata os primeiros días de setembro. Logo de abrir só as fins de semana desde xuño, agora reforza a súa actividade na época de maior presenza de xente na cidade.

Os horarios de visita son de 11:00 a 14:00 e de 16:00 a 22:00 horas de martes a sábado, mentres que os venres esténdese dúas horas máis, ata as dez da noite. Os domingos e luns permanecerá pechado. Na temporada de verán adoitan visitar o museo romántico entre 1.500 e 2.000 persoas de Europa e América, cifra que pode variar porque non todos os anos se pode abrir o mesmo número de días.

O director do museo, Benigno Amor, indica que o relevante é, que cando está aberto, soe haber visitas ao longo de todo o día. “A Casa da Troia foi a vella pensión de estudantes que inmortalizou Pérez Lugín na súa novela de 1915. Ademais das camas, dormitorios, cociña e sala de becas de tuna e recordos, pode verse como está recreada ao estilo da época, onde destacan unha vitrina con instrumental médico, vaixelas antigas e unha variada colección das múltiples edicións da novela homónima, cada unha coa súa capa ilustrada correspondente. Sen esquecer as vistas das torres da catedral desde a última planta”, segundo subliña Amor.

O Libro de sinaturas do museo recolle glosas evocadoras dos tempos estudiantís e de agradecemento ás persoas que miran polo seu coidado e difusión. Unha das últimas corresponde ao conselleiro de Educación e Cultura, Román Rodríguez: “Un retazo da historia viva de Compostela e Galicia onde a cultura universitaria e a tradición estudiantl se dan a man”.