Maruja Mallo será a figura homenaxeada no Día das Artes Galegas de 2017

A Real Academia Galega de Belas Artes aprobou a candidatura pola importancia da súa obra plástica, actitude, integración nas vangardas da época e polo seu carácter transgresor como defensora dos dereitos da muller

A Real Academia Galega de Belas Artes (RAGBA) celebrou o pasado sábado, día 2, sesión ordinaria na súa sede da Coruña na que se decidiu o nome do persoeiro que será homenaxeado en 2017 no Día das Artes Galegas. Despois das oportunas votacións, os académicos escolleron como próximo protagonista da efeméride á pintora surrealista Maruja Mallo (Viveiro, 1902 – Madrid, 1995). O plenario da Academia aprobou, tras un longo debate, a proposta de Maruja Mallo como persoeira das artes para o vindeiro ano, entre outras dúas candidaturas finalistas referentes ao músico Jesús Bal y Gay e ao escultor Antón Faílde.

A Academia xustifica esta decisión en base a importante significación do legado e da obra plástica de Maruja Mallo no surrealismo español; polo seu contacto con artistas, escritores e intelectuais de prestixio da época como Salvador Dalí, Federico García Lorca, Luis Buñuel, Ramón Gómez de la Serna, Ortega y Gasset, Rafael Alberti, Pablo Neruda, André Breton, Paul Eluard ou María Zambrano, a súa integración nas vangardas do momento e polo seu carácter “transgresor” como defensora dos dereitos da muller. “Maruja Mallo foi unha importante figura artística do século vinte cunha forte impronta nas artes española e galega e o correspondente reflexo en diversos museos como o Pompidou e o Reina Sofía” –explican os académicos–. O 1 de abril é o día sinalado pola Real Academia Galega de Belas Artes para festexar esta efeméride, co obxecto de sensibilizar á sociedade do valor patrimonial da cultura de Galicia.

Artista da xeración do 27

Maruja Mallo, considerada como artista da xeración de 1927 e da denominada vangarda interior española, foi a cuarta filla de catorce irmáns, un deles o escultor Cristino Mallo. O verdadeiro nome de Maruja Mallo era Ana María Gómez González. Na adolescencia, a familia vivía en Avilés onde Maruja comenzou a súa formación na Escola de Artes e Oficios. Aproveitando o traslado da familia a Madrid, a artista ingresa na Real Academia de Bellas Artes de San Fernando para estudar. É en Madrid onde comeza a relacionarse con artistas, escritores e cineastas como Salvador Dalí, Federico García Lorca, Luis Buñuel, María Zambrano ou Rafael Alberti.

Trala morte de súa nai en 1927, toma parte activa na primeira Escuela de Vallecas, unha proposta “plástico-poética” do escultor Alberto e o pintor Benjamín Palencia. Durante a década dos vinte colabora con publicacións literarias como La Gaceta Literaria, El Almanaque Literario ou a Revista de Occidente. Ortega y Gasset coñece os seus cadros en 1928 e organízalle a súa primeira exposición nos salóns da Revista de Occidente, obtendo un gran éxito. Exhibiu dez óleos que representaban poboados cheos de sol, toureiros e manolas, así como estampas coloreadas de maquinaria, deportes e cine de principios de século.

A exposición foi todo un acontecemento cultural en Madrid, e tamén punto de partida para que Maruja fora xulgada pola súa obra e non pola súa condición feminina. Nesta época, a pintura de Maruja seguía a liña da nova obxectividade ou realismo máxico presentada por Franz Roh en 1925.

A etapa do exilio en América

En 1932, obtén unha bolsa para ir a estudar a París, onde coñece a René Magritte, Max Ernst, Joan Miró e Giorgio de Chirico e participa en tertulias con André Breton e Paul Éluard. A súa primeira exposición en París foi na Galería Pierre Loeb nese mesmo ano. Alí comeza a súa etapa surrealista. Regresou a Madrid en 1933 e participou activamente na Sociedad de Artistas Ibéricos. Co estalido da Guerra Civil, Maruja Mallo fuxe a Portugal e coa axuda de Gabriela Mistral –naquel entón embaixadora de Chile en Portugal– trasládase a Bos Aires, onde vive exiliada durante 25 anos. Continuou pintando, dando clases e cultivando amizades, como a de Pablo Neruda.

En Arxentina recibe un rápido recoñecemento, e nesta etapa da súa vida adícase a viaxar e vivir entre Uruguai e Bos Aires para deseñar e pintar. Sucédense mostras en  París, Brasil e Nova Iork. Aos 37 anos comeza a facer retratos de muller, cun estilo que se converte en precursor da arte pop estadounidense.

En 1961 regresa a España e instálase en Madrid. A que fora unha das grandes figuras do surrealismo de preguerra é case unha descoñecida no seu país e a súa vida pública desaparece. En 1979 comeza a súa última etapa pictórica. Tiña xa 77 anos, pero aínda conservaba esa frescura e vitalidade que a acompañarían durante toda a súa vida. Na década de 1980 ofrecéronlle varias exposicións  e premios, como a Medalla de Oro al Mérito en las Bellas Artes, concedida polo Ministerio de Cultura en 1982, e o Premio de Artes Plásticas de Madrid. En 1990 recibe a Medalla de Oro da Comunidad de Madrid e en 1991 a Medalla de Galicia. En 1992, con motivo do seu 90 cumpleanos, celébrase unha exposición na galería Guillermo de Osma de Madrid, que mostra, por primeira vez, series dos cadros pintados na súa época de exilio en América. En 1993 celébrase unha gran exposición antolóxica en Santiago de Compostela que inaugura o novo Centro Galego de Arte Contemporánea. Máis tarde, a exposición trasládase ao Museo de Bellas Artes de Buenos Aires. Ademais, en 2009 celebrouse en Vigo e Madrid unha ampla retrospectiva sobre Maruja Mallo, “Mitad ángel, mitad martisco” (como a definiu Salvador Dalí), organizada pola Fundación CaixaGalicia e a SECC do Ministerio de Cultura.

Peche da tempada dos “Martes das Artes”

A Academia Galega de Belas Artes pon hoxe fin á tempada das conferencias do ciclo “Martes das Artes”, coa presentación do libro “Castelao en el arte europeo” (Duen de Bux, 2015) do xornalista, artista plástico e escritor Siro López Lorenzo (Ferrol, 1943). A presentación, que correrá ao cargo do presidente da Academia, Manuel Quintana Martelo, celebrarase esta tarde, ás 20:00 horas, no salón de actos da Academia. En outono retomarase o ciclo de conferencias, que segundo a Academia é unha actividade interesante e con afluencia de público, que permitiu a “conexión da institución coa sociedade civil e artística galegas”.

Maruja Mallo