Comunicado da Delegación de Santiago do Colexio de Arquitectos de Galicia sobre a estación intermodal

Os arquitectos membros da Delegación de Santiago de Compostela do Colexio de Arquitectos de Galicia, reunidos na sede colexial o 13 de xuño de 2016, queremos transmitir á cidade a nosa satisfacción polo acordo alcanzado entre o Concello de Santiago, o Ministerio de Fomento, a Consellería de Infraestruturas da Xunta de Galicia e Adif para a construción da estación intermodal de Santiago. Especialmente, celebramos que este acordo peche definitivamente o paso ao convenio asinado no ano 2009, que tan prexudicial sería para o tecido comercial e hostaleiro da cidade e para o seu sistema viario, e que garanta que Santiago de Compostela poida gozar da estación intermodal que necesita nun prazo e cun custo razoables.

Con todo, lamentamos o feito de que decisións tomadas por Adif e pola Consellería de Infraestruturas da Xunta de Galicia antes do comezo das negociacións vaian impedir que a estación intermodal teña a unidade e a coherencia desexables, e, nalgúns casos, vaian encarecer innecesariamente as obras.

Por tanto, conminamos ás institucións implicadas a que multipliquen os seus esforzos para que os proxectos de execución que materializarán as directrices recollidas no acordo, e que aínda están pendentes de desenvolver, melloren a integración das distintas partes do proxecto e corrixan as deficiencias que se aprecian na documentación que coñecemos del. Neste sentido, queremos mostrar a nosa especial preocupación polas carencias do proxecto para a estación de autobuses, no que se refire á desafortunada organización das súas circulacións internas, á súa mala comunicación co resto da intermodal, á súa falta de conexión peonil co barrio de Pontepedriña, á súa excesiva ocupación de terreo e ao volume desmesurado dos movementos de terras que haberá que afrontar para a súa construción.

Ademais, é necesario que presten aos espazos públicos que circundan á estación a mesma atención que ao edificio propiamente dito, e que velen para que os elementos de patrimonio histórico e industrial afectados pola obra poidan gozar do máximo respecto posible.

En calquera caso, os arquitectos temos plena confianza na capacidade da boa arquitectura para corrixir estes problemas e para conseguir que o proxecto definitivo teña os niveis de calidade e eficacia propios de Santiago de Compostela.

Por outra banda, queremos tamén transmitir o noso agradecemento ao Concello de Santiago polo esforzo de transparencia e participación que mantivo ao longo das negociacións, materializado nas reunións celebradas durante os meses de novembro e febreiro co Foro Cívico Empresarial de Santiago, manifestar a nosa seguridade de que este alto grao de comunicación manterase ata o final das obras da estación, e reiterar o noso ofrecemento para colaborar coas administracións asinantes e coas institucións cidadás no desenvolvemento do acordo.

Estación de tren