O Foro Cívico Empresarial rexeita a estación defendida polas Administracións Públicas ao non resolver as necesidades de uso e ordenación da contorna e reclama coñecer o proxecto, os prazos e o presuposto

Para a construción dunha “auténtica” estación intermodal esíxese só a Santiago alcanzar os 3,5 millóns de viaxeiros

Carlos García Cumplido, voceiro: “Non queremos que os cidadáns se sintan menosprezados ao deixar á capital de Galicia, porta de entrada e primeira imaxe do turismo galego, sen unha estación intermodal digna e eficiente”

O Foro Cívico Empresarial reuniuse onte martes para debater as últimas cuestións relativas á futura estación intermodal de Santiago de Compostela. Cun orzamento coñecido de 6 millóns de euros para a estación de autobuses, algo máis de 19 millóns de euros para a adaptación da zona ferroviaria e o convenio pendente de sinatura entre Ministerio de Fomento, Xunta de Galicia, Concello de Santiago e Adif – aprobado onte no pleno municipal co único voto favorable de Compostela Aberta –, o colectivo ten a convicción de que a infraestrutura que defenden as Administracións Públicas non resolve as necesidades de uso e de ordenación da súa contorna.

Unha vez coñecido o acordo adoptado polo pleno municipal, o Foro considera que a Corporación municipal evidencia a súa “falta de ambición e compromiso coa cidade”. Ademais, o colectivo síntese defraudado coa Corporación na que depositou a súa confianza como representante dos composteláns. Para analizar en profundidade as condicións do convenio e as dúas fases propostas para a execución da infraestrutura, o colectivo convida ás catro forzas políticas que compoñen a Corporación municipal a unha nova sesión do Foro Cívico Empresarial o vindeiro mércores, día 15, ás 20:00 horas. “É necesario o compromiso de toda a Corporación municipal para acadar un proxecto de cidade” –sinala o voceiro do Foro, Carlos García Cumplido–.

Adif rehabilitará a actual marquesiña e ampliará parcialmente o edificio que tamén verá reformado o seu interior, ademais de adecuar o alto das plataformas para a entrada do AVE. Ordenarase e ampliarase o aparcadoiro para turismos e colocarase un só ascensor para que os usuarios teñan saída á rúa do Hórreo, “mentres seguirá chovendo por riba dos pasaxeiros que continuarán pasando frío nas plataformas” –explica García Cumplido–.

No caso da Xunta de Galicia, o Foro sinala que decidiu, segundo as directrices marcadas por Adif e co beneplácito do Concello, facer a nova estación de autobuses na parte posterior da estación do tren, un novo edificio que non se situará á fronte da estación cara a avenida de Lugo, “onde si daba resposta ás necesidades dos usuarios”. Neste punto, o colectivo indica que os accesos rodados –rotondas de Pontepedriña e a Galuresa– non son idóneos e xa están saturados, polo que será necesaria a construción dunha nova rotonda na avenida de Clara Campoamor a cargo do Concello, onde tamén haberá un acceso peonil e un paso a nivel ou unha pasarela elevada e descuberta a 15 metros de altura con 280 de largo desde o Hórreo ou a estación do tren (Financiamento: Concello 30%, Xunta 30% e Adif 40%).

Ademais, destaca que o proxecto non presenta dársenas suficientes, non prevé a integración de servizos de autobuses discrecionais, como os viaxes turísticos que chegan a diario á cidade ou as esperas dos buses escolares.

“Non queremos que os cidadáns de Santiago se sintan menosprezados unha vez máis ao ver que Fomento quere deixar á capital de Galicia, porta de entrada e primeira imaxe do turismo galego, sen unha estación intermodal digna e eficiente” –sentencia García Cumplido–.

Segundo o Foro, unha “auténtica” estación intermodal axudaría a superar a barreira que conforman as vías, que se agravará coa ampliación do vial de Clara Campoamor, dividindo e permeabilizando esta zona da cidade cun fluxo constante de peóns e vehículos desde Pontepedriña e Sar ao centro urbano.

Ademais, o Foro considera que a intermodalidade melloraría a intercomunicación entre o transporte por ferrocarril e estrada, especialmente para os autobuses interurbanos da área metropolitana e os taxis, favorecendo o enlace conxunto desde a estación intermodal ao aeroporto internacional de Lavacolla.

E como non, o Foro asegura que unha estación intermodal precisa das comodidades e servizos axeitados para incentivar o uso dun transporte público e colectivo “eficiente e moderno”, adaptada para permitir o acceso do AVE e a chegada de autobuses de maior envergadura (15 metros). “Estas condicións permitirían ao usuario acceder a pé ao centro da cidade –Praza Galicia–, un dos nudos esenciais do enlace do transporte urbano” –destaca o voceiro, que recorda tamén que a intermodalidade facilitaría a redución de custos xerais ao compartir servizos comúns os usuarios do tren e o autobús (servizos de información, climatización, iluminación, vixilancia, consigna, aseos, cafetería, aparcadoiro, accesos…).

O primeiro proxecto da intermodal

En 2012 convocouse un concurso de ideas para a redacción do proxecto da estación intermodal, que gañou o estudio de arquitectura de Juan Herreros. A pesar de que foi aprobado e refrendado cun acordo polas administracións implicadas e un presuposto de 36 millóns de euros, a crise económica provocou a súa paralización e anos despois o proxecto foi cualificado de “moi costoso” e mesmo “faraónico”. Comprometéronse a construír por fases, cun proxecto definido e un calendario definitivo, unha terminal moderna, funcional e eficiente. Pero unha vez máis, o Foro sinala que non se cumpriron estas promesas e case dous anos despois os cidadáns de Santiago seguen sen coñecer o proxecto da intermodal, con presuposto e prazos establecidos.

Neste contexto de toma de decisións políticas, o Foro indica que as institucións realizaron os estudos previos “sen consultar” aos usuarios, operadores ou á cidade. “Toman decisións e contratan proxectos e obras sen máis. É a súa herdanza, boa ou mala, é a que eles deciden. Non entenden aínda o que é a participación cidadá nin a transparencia” –salienta García Cumplido–.

En definitiva, a construción dunha nova estación intermodal en Santiago non se acometerá, segundo declarou Adif, ata que se chegue aos 3,5 millóns de viaxeiros, “condición vergonzante, só imposta a Santiago e aceptada polo Concello, e unha cifra que no mellor dos casos só se poderá alcanzar a partir de 2021, tralo Ano Santo”. Actualmente, o Foro explica que a estación de ferrocarril da capital de Galicia supera os 2,5 millóns de viaxeiros, o que a converte na sexta estación en media distancia de España, despois de Barcelona, Madrid, Sevilla, Córdoba e Girona.

Integrantes Foro: Cámara de Comercio de Santiago, Universidade de Santiago de Compostela, Asociación de Empresarios de Hostelería de Santiago y Comarca, Fundación Santiago Centro, Real Sociedad Económica de Amigos del País, Fundación Ruta Xacobea de Mar de Arousa e Ulla, Colexio de Avogados de Santiago, Colexio de Economistas, Colexio de Arquitectos, Colexio de Enxeñeiros Técnicos Industriais, Colexio de Enxeñeiros Industriais, Colexio de Procuradores, Asociación do Polígono do Tambre, Rotary Club, Asociación de Antigos Alumnos da USC, Asociación de Periodistas de Santiago, Compostela Solidaria, Vicus Francorum e o Colexio Maior A Estila.Reunión Foro Cívico. Intermodal