A compañía discográfica NAXOS publica un CD con concertos de guitarra acompañados pola Real Filharmonía de Galicia

disco RFGO solista é Miguel Trápaga, dirixe a orquestra Óliver Díaz e contén o “Concierto de Aranjuez” de Joaquín Rodrigo e dúas obras de Leo Brouwer e Frank Martin

A Real Filharmonía de Galicia (RFG) gravou hai un ano no Auditorio de Galicia tres obras para un traballo conxunto co guitarrista Miguel Trápaga e o director de orquestra Óliver Díaz, que acaba de ver a luz en formato de CD. O repertorio inclúe o popular “Concierto de Aranjuez” de Joaquín Rodrigo (1901-1999), o “Concierto de Benicássim” do compositor cubano Leo Brouwer (1939) e a obra “Guitare” do suízo Frank Martin (1890-1974). A edición presentouse o pasado 25 de maio na sede madrileña da Sociedad General de Autores y Editores.

Miguel Trápaga (Cantabria, 1967) formouse con guitarristas do talle de José Tomás, David Russell e Gerardo Arriaga. Obtivo numerosos recoñecementos polo seu talento e posúe sete discos con obras de ilustres compositores como Moreno-Torroba e Brouwer. Actuou con directores consagrados como Miguel Roa e Óliver Díaz, xunto a orquestras como a Real Orquesta Sinfónica de Madrid ou a Fundarte de Porto Alegre (Brasil).

A extensa traxectoria profesional do director Óliver Díaz (1972) abrangue desde o Barroco ata a música contemporánea, ademais de ópera e zarzuela. Dirixiu numerosos concertos en España, Portugal, Francia, Alemaña e USA, entre outros. Posúe unha decena de gravacións, como “Bel canto” coa colaboración da soprano Mariola Cantarero e o baixo barítono Simón Orfila xunto á propia Real Filharmonía de Galicia. Actualmente é director musical do Teatro da Zarzuela de Madrid.

As publicacións especializadas recibiron a edición con boas críticas, tal como asina Esther Marín na revista “Ritmo” que, en referencia á execución de Trápaga, escribe: “Su concepción perfeccionista de la interpretación confiere precisión y elegancia y una profundidad musical muy necesaria para los tres conciertos”.

Máis información sobre a edición musical:

http://www.sgae.es/es-ES/SitePages/EstaPasandoDetalleActualidad.aspx?i=1232&s=1&p=1

O disco pódese mercar por 8,45 euros na seguinte páxina:

http://www.forumclasico.es/RITMOOnLine/MusicaViva/tabid/61/ID/7437/Brouwer-y-Rodrigo-con-la-Real-Filharmonia-de-Galicia-novedad-Naxos-en-Mayo.aspx#.VzDIYUXyWeo.facebook