A Delegación de Vigo do Colexio de Arquitectos proxecta “El derecho a un techito”, un documental de Arquitectura Sen Fronteiras rodado en Guatemala

A cinta pretende sensibilizar sobre o dereito a unha vivenda digna

A sesión será mañá xoves, día 26, ás 20:00 horas

A Delegación de Vigo do Colexio de Arquitectos de Galicia (rúa Dr. Cadaval 5) proxectará mañá xoves, día 26, o documental “El derecho a un techito”. A peza, de 25 minutos, poderase ver de forma gratuíta, ás 20:00 horas, na sala de usos múltiples da delegación.

Este traballo audiovisual foi realizado no mes de novembro por tres voluntarios da ONGD Asociación Galega de Reporteiros Solidarios (Agareso), que se desprazaron á costa sur de Guatemala, onde traballa Arquitectura Sen Fronteiras (ASF), para rodar o documental. A cinta centra a súa atención non só no traballo de ASF e os seus socios no país, senón no porqué desta situación, contextualizando unha realidade complexa e apoiando a idea da vivenda non como unha mercadoría senón como un dereito.

Este documental e todo o traballo que realiza ASF en Guatemala é posible grazas ás convocatorias de proxectos de Cooperación Internacional que financia a Xunta de Galicia anualmente cos impostos de todas e todos. Tras a proxección celebrarase un coloquio con membros de ASF implicados na realización do documental.

Sinopse e tráiler

En vinte días Raúl e a súa familia durmirán baixo un teito por onde non pasa a chuvia. Nin o medo. Un techito que protexerá a Raúl e aos seus fillos por primeira vez na súa vida da violencia, da enfermidade, e da inxustiza que atenaza aos máis pobres de Guatemala. Un techito que lles quite as penas e os encha de forzas para esixir os seus dereitos.

Tráiler: https://www.youtube.com/watch?v=2TftDAw6GK0

En Guatemala máis de millón e medio de familias non teñen acceso a unha vivenda axeitada e saudable. ASF Galicia traballa da man dos seus contrapartes –ASIAPRODI e FODHAP– para promover, baixo a filosofía da produción social de vivenda e o dereito a un fogar digno para as persoas máis empobrecidas. A organización leva máis de 18 anos traballando en Guatemala para perseguir este dereito recoñecido pola Declaración Universal dos Dereitos Humanos.

Guatemala é un dos países más desiguais do mundo, cunha taxa de persoas sufrindo pobreza do 53,7%, (INE, 2013). Non é de estrañar por tanto que case a metade da poboación do país viva en infravivendas de autoconstrución que non cumpren cunhas condicións hixiénicas e de seguridade mínimas. Esta situación afecta directamente a súa saúde, e tamén fainos vulnerables ante as inclemencias meteorolóxicas, os terremotos, incendios ou a violencia. Ademais, o feito de non contar cun espazo axeitado minimiza a súa autoestima e capacidade para romper o círculo da pobreza.