O alcalde de Santiago, Martiño Noriega, inaugura esta tarde en Sargadelos os talleres que axudarán aos cidadáns a mellorar a xestión da enerxía nas súas vivendas

cidade2Ademais, durante tres días expertos neste eido atenderán, na sede do Consorcio, as consultas concretas que os cidadáns queiran facerlles

Tamén haberá actividades específicas para que os nenos de 9 a 12 anos coñezan prácticas de eficiencia enerxética a través do xogo

Baixo o lema Rehabilita con enerxía!, o Consorcio de Santiago vai celebrar ao longo desta semana, no primeiro andar da Galería Sargadelos, varios talleres participativos para que os cidadáns melloren a xestión enerxética nas súas vivendas, en colaboración coa Concellaría de Educación e Cidadanía do Concello de Santiago. Esta iniciativa enmárcase no programa europeo EFFESUS -Eficiencia enerxética para a sostibilidade dos centros históricos europeos-. O Consorcio é un dos 23 socios deste proxecto, xunto con institucións, axencias de investigación, universidades e empresas de toda Europa.

“Estas xornadas diríxense en particular aos cidadáns que habitan edificios ou vivendas con recoñecido valor dende o punto de vista do patrimonio histórico, ou mesmo contruídas antes do ano 1945, aínda que a participación está aberta a todos” -indica Ángel Panero, arquitecto e responsable científico do proxecto EFFESUS no Consorcio de Santiago-.

Conferencias, talleres para nenos e consultas personalizadas

Entre hoxe martes e o próximo venres, durante toda a tarde, programaranse unha serie de conferencias e, ao final de cada xornada, os cidadáns asistentes poderán participar en mesas de debate cos expertos.

E, tamén en Sargadelos, coa colaboración e o financiamento da Concellaría de Educación e Cidadanía do Concello de Santiago, celebraranse os talleres didácticos Xoga e aprende con enerxía! para nenos de entre 9 e 12 anos. Comezarán esta tarde ás 18:00 horas e seguirán, polas mañás, os sábados 28 de maio, 4, 11 e 18 de xuño. Cómpre reservar praza nos teléfonos 981 554 400 / 401, a través do fax 981 571 511 ou do enderezo dptoeducacion@santiagodecompostela.gal.

Ademais, hoxe martes, mañá mércores e o venres (de 13 :00 a 14:00 e de 16:15 a 17:15 h), os cidadáns poderán realizar consultas de balde sobre a eficiencia enerxética das súas vivendas ou edificios na planta baixa da sede do Consorcio (Rúa do Vilar, 59), onde os atenderán expertos neste eido, previa cita no 981 574 700 ou a través de rehabilitaconenerxia@consorciodesantiago.org.

Esta tarde abordarase a xestión intelixente da enerxía nas vivendas

O alcalde de Santiago e presidente do Consorcio, Martiño Noriega, inaugurará estes talleres participativos esta tarde, ás 18:00 horas na Galería Sargadelos. Asistirán ademais Dennis Rodwell, arquitecto escocés representante do Proxecto europeo EFFESUS; Belén Hernández, xerente do Consorcio de Santiago; Lourdes Pérez, directora da Oficina Técnica do Consorcio de Santiago; Ángel Panero, arquitecto e responsable científico do proxecto EFFESUS no Consorcio de Santiago;  e Marta Gómez, arquitecta coordinadora dos talleres didácticos para nenos.

Ademais do taller didáctico para nenos, celebraranse dúas conferencias. En primeiro lugar, o arquitecto Adrián Martín, Premio Extraordinario Fin de Carreira de Galicia en 2007, experto en arquitectura e construción eficiente, explicará aos cidadáns o catálogo de protección de eficiencia das arquitecturas e elementos construtivos da cidade histórica de Santiago. A continuación, Andrés Figueiras, enxeñeiro industrial experto en instalacións e eficiencia enerxética, abordará a xestión intelixente do medioambiente nas vivendas.

Para rematar a xornada de hoxe, os cidadáns asistentes ás conferencias que o desexen, divididos en mesas de traballo, intercambiarán ideas e reflexionarán sobre a eficiencia enerxética nas vivendas da cidade histórica.

A construción enerxeticamente eficiente con madeira en Galicia

Os talleres continúan mañá mércores. A partir das 18:15 horas, o arquitecto Anxo Sánchez, experto en arquitectura e construción eficiente, explicará as estratexias para un urbanismo e arquitectura de baixa enerxía. De seguido, o arquitecto técnico Adolfo Montero, especialista en construción con madeira, centrarase na construción enerxeticamente eficiente con madeira en Galicia.