A Casa da Troia celebra unha xornada de portas abertas o mércores 18 con motivo do Día Internacional dos Museos

casaOs visitantes poderán percorrer a antiga pensión de estudantes de maneira gratuíta, acompañados polas guías do museo

Este mércores, 18 de maio, conmemórase o Día Internacional dos Museos. Con motivo desta efeméride, o Museo Casa da Troia celebrará unha xornada de portas abertas. Poderá visitarse, de xeito gratuíto, durante todo o día, en horario de 11:00 a 14:00 e de 16:00 a 20:00 horas; acompañados das explicacións das guías do museo. Ademais, a Casa da Troia, que está pechada nos meses de inverno, reabrirá de novo as súas portas o 4 de xuño e permanecerá aberta durante todo o verán.

O museo Casa da Troia recrea a pensión de estudantes e a vida universitaria de Santiago a finais do século XIX que inmortalizou Alejandro Pérez Lugín na súa novela La Casa de la Troya. Nela aloxábase o personaxe principal, Gerardo Roquer, e os seus compañeiros de estudos. Funcionou como hospedería de estudantes dende 1886 ata 1906 e abriu as súas portas como museo en 1993, xestionado pola Asociación de Antigos Tunos Composteláns.

Os museos de Santiago celebran esta efeméride de maneira conxunta

Como xa é habitual dende hai cinco anos, os museos composteláns suman esforzos para celebrar de maneira conxunta esta data. Son oito os centros museísticos agrupados para a ocasión: Museo do Pobo Galego, Museo Fundación Eugenio Granell, Museo das Peregrinacións e de Santiago, CGAC, Museo Catedral, MUPEGA, Museo de Historia Natural e Museo Casa da Troia.

O ICOM (organismo internacional dos Museos) propón como lema para a celebración deste ano “Museos e Paisaxes Culturais”, co que se pretende poñer de manifesto a responsabilidade dos museos coa paisaxe da que forman parte e á que deben contribuír achegando os seus coñecementos e competencias.

Participación cidadá

O mércores 18, en horario de 11:00 a 14:00 e de 17:00 a 19:00 horas, todos os museos participantes da cidade sacarán simultaneamente unha peaña á rúa para que todo o que queira se fotografe enriba dela. Tamén están convidados a participar nesta acción profesionais de todos os ámbitos da cultura.

Alumnado da Escola de Arte e Superior de Deseño Mestre Mateo e da Escola de Produción de Audiovisuais, Radio e Espectáculos O Raio Verde encargaranse de documentar a acción gravando e retratando as elevacións. As fotografías e os vídeos subiranse ás redes de cada museo para compartir a experiencia co público usando o hastag #CompostelaPaisaxeCultural.

Roteiro arquitectónico

O sábado 21 de maio, de 10:00 a 11:30 horas, o Colexio de Arquitectos de Galicia dirixirá un roteiro arquitectónico arredor das diferentes tipoloxías arquitectónicas da cidade. Sairase do Museo Pedagóxico de Galicia (San Lázaro) ata o caso vello de Santiago, un percorrido dunha hora e media polas rúas e barrios onde están situados os museos da cidade.