A Cámara de Comercio organiza un curso de personal shopper para vestir de forma axeitada no ámbito laboral

Miryam Giménez, docente de Somos Asesores de Imagen:

“Xa hai empresas en Santiago que explican aos seus empregados cales son as cores e prendas que deben e non deben levar, non para uniformar senón para unificar a imaxe”

Celebrarase do 23 de maio ao 7 de xuño nas aulas formativas da entidade, en horario de 20:00 a 22:00 horas

A Cámara de Comercio, Industria, Servizos e Navegación de Santiago de Compostela celebrará entre o 23 de maio e o 7 de xuño un curso de personal shopper nas súas aulas formativas, de 20:00 a 22:00 horas. Impartido pola asesora de imaxe e docente de Somos Asesores de Imagen, Miryam Giménez, o curso pretende que os asistenten ou persoas interesadas no estilismo adquiran coñecementos sobre colorimetría, tendencias e adecuación ao cliente, análise de estilo persoal, fondo de armario e protocolo no vestir.

Miryam Giménez explica que para os traballadores do ámbito empresarial é moi importante compoñer o seu propio fondo de armario básico, de acordo coa súa forma de corpo e estilo de vida. “Se non me senta ben unha camisa branca, para que a teño no armario?, ou por que me poño un traxe de chaqueta e pantalón cando me favorece máis pola miña morfoloxía unha falda? Na actualidade, hai sectores laborais nos que o traxe poder estar mal considerado e inspira á persoa que temos diante unha imaxe oposta á que queremos transmitir” –suxire–.

A experta explica que xa hai empresas en Santiago que explican aos seus empregados nos manuais de estilos cales son “as cores e prendas que deben e non deben levar”. Como exemplo, propón o uso das cores corporativas da empresa, pero non co fin de uniformar, senón de “unificar a imaxe”.

Ademais, Miryam Giménez sostén que a imaxe persoal ten que estar sempre por detrás da imaxe da empresa. “Atópome con moita xente que di que levar un piercing ou unha tatuaxe á vista non debería ser un impedimento para traballar en calquera empresa. Hai empresas que non o teñen en conta, e mesmo o consideran algo positivo para a imaxe que queren dar aos seus clientes. Pero realmente, é tal e como está a situación laboral, reduce as posibilidade de atopar un traballo. É importante ter identidade propia, pero o ideal é diferenciar entre indumentaria para trabajar e roupa para a vida persoal” –matiza.

Sobre protocolo, Miryam Giménez apunta que é fundamental diferenciar entre eventos informais e protocolarios. “Unha máxima que sempre funciona é que menos é máis. Hai prendas que hai que saber levar con seguridade. Se non estamos cómodos no probador da tenda dificilmente estaremos a gusto e seguros no evento. Se pensamos en persoas elegantes darémonos conta que non soen optar por looks arriscados” –recomenda a experta–.

Contabilidade financeira informatizada

Por outra parte, a Cámara de Santiago organiza un curso de contabilidade financeira informatizada entre os días 23 de maio e 3 de xuño en horario de 20:00 a 22:00 horas. O obxecto é que os alumnos obteñan coñecementos para levar a contabilidade dunha empresa. A consultoría laboral, fiscal e contable C&B asociados impartirá a formación destinada a persoas de departamentos de administración de pequenas e medianas empresas con coñecementos teóricos que precisen adquirir habilidades prácticas en materia contable.

Ademais de aprender a manexar un programa informático, os participantes analizarán a casuística contable dunha empresa en funcionamento, o que lles permitirá obter os coñecementos para poder realizar a contabilidade dunha empresa real.

woman_looking