Cáritas Interparroquial de Santiago celebrará a Xornada de Solidariedade cos Parados o sábado, 14 de maio, na praza do Toural

Miguel Fdez. José Antonio Beiroa e Benjamín Roo

Lerase un Manifesto baixo o lema “Dereito a emprego digno” ás 12 da mañá

A entidade lembra que hai 7.600 desempregados na cidade compostelá segundo datos oficiais

Cáritas Interparroquial de Santiago celebrará a XXIII edición da Xornada de Solidariedade cos Parados o vindeiro sábado, 14 de maio, cunha concentración na praza do Toural na que se lerá un manifesto baixo o lema “Dereito a emprego digno”. A efeméride pretende “alertar da multitude de dramas cotiás que está a xerar esta crise de desemprego e a necesidade do compromiso e solidariedade desde a sociedade civil, ademais de reivindicar un forte compromiso das Administracións Públicas para garantir ingresos suficientes e condicións de vida dignas para os cidadáns máis vulnerables”, segundo reza a declaración. Os datos confirman o mantemento dunhas cifras altas de desemprego, situación que provoca que un número importante de persoas e familias entren en procesos de pobreza e exclusión social, engade.

A entidade lembra que, tal como indican os datos oficiais, hai 13.000 persoas en paro na área de Compostela, das que 7.600 corresponden á cidade de Santiago, “onde hai 22.000 persoas en situación de pobreza, das que 4.000 sofren pobreza severa”. Segundo estándares da Unión Europea, enténdese por pobreza aquela persoa cuxos ingresos anuais están por debaixo de 7.961 €.

O responsable do Centro de Traballo e Cultura da Interparroquial, Miguel Fernández, sinala que a xornada solidaria serve para denunciar esta realidade e, ao mesmo tempo, amosar publicamente “o modelo de intervención de Cáritas fronte ao desemprego xerador de pobreza e exclusión social, baseado nos itinerarios de inserción e integración sociolaboral”, cuxos resultados en 2015 foron 129 colocacións, 1.501 persoas atendidas e 3.780 intervencións.

“Facemos presente hoxe aquí o compromiso da Igrexa local de Santiago para tentar promover un sistema económico-social e un mercado laboral máis amplo, máis digno, máis humano e máis cristián tamén, seguindo a mensaxe liberadora das inxustizas de Xesús de Nazaré”, finaliza o manifesto.