A Cámara de Comercio informa ás empresas das accións de responsabilidade social corporativa para ter tolerancia cero coa violencia de xénero

A avogada Mª Ángeles García presentará o protocolo de prevención de violencia de xénero nos lugares de traballo nunha xornada o vindeiro 10 de maio

“As empresas deben comunicar ao conxunto dos seus traballadores os dereitos laborais que amparan ás empregadas que sufran violencia de xénero, para facilitar a conciliación laboral e persoal”

A Cámara de Comercio de Santiago acollerá o vindeiro martes, 10 de maio, unha xornada sobre a colaboración social das empresas na prevención da violencia de xénero, impartida pola avogada e delegada territorial en Galicia da Asociación Española de Auditores Socio laborales, Mª Ángeles García. Celebrarase ás 19:30 horas no salón de actos cameral.

A experta presentará na xornada o protocolo de prevención da violencia de xénero nos lugares de traballo, enmarcado no Convenio de Estambul como mellora da Lei orgánica 1/2004 de Protección Integral da violencia de xénero onde se establecen medidas de protección integral co fin de previr, sancionar e erradicar a violencia de xénero e prestar asistencia ás vítimas, ademais de recoñecer individualmente os dereitos laborais de traballadoras vítimas deste tipo de violencia. A norma especifica que as traballadoras deben acreditar a situación de violencia de xénero mediante sentencia pola que se condene ao agresor, orde de protección ou informe do Ministerio Fiscal.

Con este marco legal, Mª Ángeles García explica que as empresas deben aplicar criterios de responsabilidade social corporativa para manter os dereitos fundamentais e de igualdade das súas traballadoras. Para alcanzar este propósito, a avogada destaca que as empresas teñen que identificar o modelo de protocolo que mellor se adapte á organización, a través dun proceso de negociación dentro das políticas de igualdade co comité de empresa ou ben un protocolo non negociado coa representación legal dos traballadores por medio de accións de responsabilidade social corporativa.

Mª Ángeles García apunta que o obxecto do protocolo será previr a violencia de xénero no seo da empresa e a súa contorna social, prestando información e apoio ás traballadoras vítimas de violencia de xénero. Outro propósito do protocolo é sensibilizar aos traballadores e traballadoras da empresa para que adopten unha actitude “proactiva” e rompan coa cultura tradicional de “intolerancia e negación” que perpetúa a desigualdade de xénero e a violencia que a causa.

A través da adhesión ao protocolo, a organización, como medida de acción social, poderá ampliar a cobertura legal e informar á súa traballadora, desde o momento no que existan indicios de que poida estar sendo vítima de violencia de xénero. “Para ter tolerancia cero coa vilencia contra as mulleres, as empresas deben informar e formar aos traballadores e traballadoras dos dereitos laborais que amparan ás empregadas que sufran violencia de xénero para que poidan conciliar a relación laboral coas súas circunstancias persoais ou familiares” –indica–.maria-angeles-garcia