O debuxante Miguelanxo Prado comenta na Delegación da Coruña do Colexio de Arquitectos a concepción do espazo como “punto de convivencia” na súa obra artística

Creou en 2004 para o Proxectoterra a historieta humorístico-didáctica “A mansión dos Pampín” para abordar usos urbanísticos e a ocupación do territorio

A conferencia celebrarase hoxe ás 20:00 horas, no marco do ciclo “Territorios individuais”

A Delegación da Coruña do Colexio de Arquitectos de Galicia  (rúa Federico Tapia, 62) celebrará esta tarde, ás 20:00 horas na súa sala de cultura, a cuarta conferencia do ciclo “Territorios individuais”, unha iniciativa destinada a acoller distintas visións sobre o espazo público desde disciplinas expresivas transversais ás xentes, espazos e lugares. O relatorio estará dirixido polo ilustrador Miguelanxo Prado que falará sobre os espazos na súa narrativa visual. O debuxante fará un guiño de complicidade ao colectivo dos arquitectos polos seus inicios como estudante de arquitectura, feito que marcou a súa forma de concibir o espazo e o tratamento na súa obra artística e nos xéneros do cómic e a ilustración. “Os espazos son elementos que se sinalan na miña obra como condutores nas aproximacións ao urbanismo como punto de convivencia” –explicou–.

Esta relación co Colexio de Arquitectos de Galicia fíxose patente coa creación da historieta “A mansión dos Pampín” (Norma Editorial, 2004), un álbum humorístico-didáctico onde se abordan temas como os usos urbanísticos e a ocupación do territorio, e que serve de material de traballo dentro do programa educativo Proxectoterra. O resultado foi a historia da herdanza da familia Pampín.

“A creación de materiais de ficción con fins didácticos é sempre unha empresa arriscada e, as máis das veces, remata no fracaso. Seguramente porque, antes que ningunha outra cousa, unha novela, unha película ou unha historieta teñen que ser xusto e máis que nada iso: novela, película ou historieta e, cando no seu lugar atopamos un manual cheo de datos e conceptos para memorizar, sentímonos enganados. Este libro pretende ser unha banda deseñada e, logo, contando coa complicidade e o traballo a posteriori dos docentes, unha ferramenta na súa axuda para a reflexión arredor da realidade arquitectónica e urbanística do noso contorno” –indicou–.

Miguelanxo Prado fixo o guión, debuxo e cor da publicación que finalmente se distribuíu en todos os institutos de educación secundaria de Galicia, para meses máis tarde traducirse ao español para a súa venda en toda España, conseguindo finalmente vender máis de 20.000 exemplares. O álbum recibiu no Salón do Cómic de Barcelona 2005 o premio á mellor obra e ao mellor guión, e en 2006 o salón fixo unha exposición que reproducía a portada do álbum a tamaño natural.

Miguelanxo Prado (A Coruña, 1958) era afeccionado á pintura e á lectura desde moi novo, pero descubriu o cómic e interesouse polo medio aos vinte años, impresionado por autores como Moebius e Sergio Toppi. Abandonou os estudos de arquitectura e decidiuse a dedicarse profesionalemente á historieta, iniciando unha traxectoria ascendente nas revistas de cómics para adultos dos anos 80, publicando nalgunhas das cabeceiras máis emblemáticas da época (Zona 84, Comix Internacional, 1984, Cairo, Cimoc…). Nesta época tamén colaborou co semanario de cómic de humor “El Jueves”. En 2009, Miguelanxo Prado ingresou na Real Academia Galega de Belas Artes.

Trala caída nos 80 das revistas de historietas, Miguelanxo Prado realiza traballos noutros medios como a ilustración, deseño de personaxes para TV, como o popular porco do programa infantil “Xabarín Club” da TVG, e en EEUU para a serie de animación de Men in Black, producida Steven Spielberg. Prado tamén foi un dos autores europeos cos que contactou a editorial de cómic máis importante de Xapón. Desde 1998, é director de “Viñetas desde o Atlántico”, o salón do cómic que se celebra cada verán na Coruña. Artes.