O escultor coruñés Pepe Galán deseña esculturas públicas a partir da contorna, a orografía e os aspectos culturais do espazo

“Intento crear unha obra habitable, procurando un novo espazo de convivencia”

 Ofrecerá unha conferencia esta tarde na Delegación da Coruña do Colexio de Arquitectos

A Delegación da Coruña do Colexio de Arquitectos de Galicia  (rúa Federico Tapia, 62) celebrará esta tarde, ás 20:00 horas na súa sala de cultura, a terceira conferencia do ciclo “Territorios individuais”, unha iniciativa destinada a acoller distintas visións sobre o espazo público desde disciplinas expresivas transversais ás xentes, espazos e lugares.

O relatorio, titulado “Acción-intervención-escultura pública”, correrá a cargo do escultor coruñés Pepe Galán, que falará sobre a revisión da concepción de espazo público, simbólico e humano a través do proceso creativo da escultura.

No seu proceso creativo para dar forma a unha escultura que se exhibirá nun espazo público, Pepe Galán explica que en primeiro lugar examina “detidamente” o espazo a intervir, tendo en conta a contorna, a orografía, os aspectos culturais ou calquera elemento destacable que poda modificar ou ampliar a idea inicial desa escultura.

Ademais, na súa creación Pepe Galán pretende conxugar espazo, volume e conceptos xunto ás referencias do lugar, “intentando crear, se o espazo o permite, unha obra habitable, procurando un novo espazo de convivencia”.