A Cámara de Comercio e a Delegación de Santiago de AJE Provincia da Coruña asinan un protocolo para institucionalizar a súa colaboración a favor do tecido empresarial

Establecerán accións de “colaboración, coordinación e cooperación” para aproveitar sinerxías e evitar duplicidades

A Cámara de Comercio, Industria, Servizos e Navegación de Santiago de Compostela asinou hoxe un convenio de colaboración coa Delegación de Santiago de AJE Provincia da Coruña para institucionalizar unha colaboración mutua a favor do tecido empresarial dos seus ámbitos de actuación e plasmar esa unidade de acción coa máxima “colaboración, coordinación e cooperación”. O acordo foi rubricado na sede da institución cameral polo presidente da Cámara, Jesús Asorey, e o presidente de AJE, Marcos Balboa, nun acto ao que tamén asistiron o vicepresidente de AJE, Francisco Godoy, e o secretario Xeral da Cámara, Fernando Barros.O obxecto do protocolo é xerar sinerxías, aproveitar economías de escala e poñer en marcha unha actuación máis eficiente para as dúas entidades, que evite duplicidades e se traduza nunha maior eficiencia para o sector empresarial ao que representan. Produciranse procedementos bidireccionais de información, previsión, programación e coordinación de actividades e servizos que poideran resultar similares no seu propósito e nas datas de execución.

A Cámara e AJE apoiaranse para ofrecer aos empresarios actividades e servizos que teñan a consideración de “nucleares” en cada institución. Nesta modalidade, a Cámara de Comercio solicitará a colaboración de AJE en sevizos de certificacións, funcións consultivas, ecomendas de xestión, bases de datos públicas de empresas e internacionalización. Na modalidade de coordinación, Cámara e AJE desenvolverán actividades de información e asesoramento, servizos de diagnósticos empresariais, accións de emprendemento, convocatorias de actos, xornadas ou conferencias, proxectos empresariais comúns ou proxectos europeos comúns.