Os arquitectos coruñeses organizan un ciclo de conferencias para analizar o espazo público desde distintos ámbitos profesionais como a xeografía, a escultura e a ilustración

“Territorios individuais” celebrarase todos os martes de abril e maio, ás 20:00 horas na sala de cultura da delegación colexial

A Delegación da Coruña do Colexio de Arquitectos de Galicia organiza o ciclo de conferencias “Territorios individuais”, unha iniciativa que servirá para acoller distintas visións sobre o espazo público desde disciplinas expresivas transversais ás xentes, espazos e lugares. Celebrarase durante os martes de abril e maio, ás 20:00 horas na sala de cultura da delegación (rúa Federico Tapia 62).

Cunha mensaxe crítica, pero extensible a un ámbito extra-arquitectónico, os convidados aportarán exemplos ou textos da súa propia resposta espacial ou temporal. Cada un dos relatores, especialistas en xeografía, escultura, ilustración ou arquitectura, achegará a súa sensibilidade a través da súa profesión ao resto das disciplinas e ao cidadán, aportando os seus coñecementos e experiencias profesionais. “As conferencias farán un percorrido arredor da individualidade e o zume común que unen ao ser humano e o xeito de abordar o sentido do espazo público desde profesións transversais a lugares e individuos” –explica Costas–.

O ciclo, gratuíto e aberto a todo o público, inaugurarase o vindeiro martes, día 12, nun acto na sede coruñesa ás 20:00 horas ao que asistirá o decano do Colexio de Arquitectos de Galicia, Antonio Maroño, e o presidente da delegación, Roberto Costas.

A primeira conferencia correrá a cargo do xeógrafo portugués Álvaro Domíngues, que ofrecerá un relatorio chamado “Territorio Casa Común”, no que comentará o problema do hábitat nos tecidos difusos de Galicia e o norte de Portugal. O experto fará un repaso á última exposición e publicación realizadas no Centro de Estudos de Vila Nova de Famalicão, no Val do Ave, unha rexión de urbanización e industrialización difusas que forma parte do traballo realizado fai anos co urbanista Juan Luis Dalda.Cartel ciclo Territorios individuais