A Academia de Belas Artes analiza a historia do balneario de Mondariz, como referente cultural de finais do século XIX

A historiadora da arte Yolanda Pérez impartirá mañá a conferencia ás 20:00 horas

PREVISIÓN INFORMATIVA

ASUNTO               Conferencia do ciclo Martes das Artes: “O Balneario de Mondariz, un paseo pola súa historia”

ORGANIZA           Real Academia Galega de Belas Artes (RAGBA)

RELATORA          Yolanda Pérez doutora en Historia da Arte pola Universidade de Santiago de Compostela (USC)

LUGAR                Real Academia Galega de Belas Artes praza Pintor Álvarez Sotomayor, 1 –A Coruña–  

DATA                   Mañá martes, 5 de abril

HORA                  20:00 horas

 

A Coruña, 4 de abril de 2016

A Real Academia Galega de Belas Artes (RAGBA) celebrará mañá martes, día 5, unha nova sesión do ciclo Martes das Artes coa conferencia da doutora en Historia da Arte Yolanda Pérez, titulada “O Balneario de Mondariz, un paseo pola súa historia”. Será ás 20:00 horas no salón de actos da Academia.

“Mondariz fue una época en la historia de Galicia y de España”, afirmou Otero Pedrayo, un dos numerosos intelectuais galegos que visitaron o célebre balneario e participaron nas iniciativas culturais apoiadas polos seus fundadores, a familia Peinador. A charla de Yolanda Pérez servirá para realizar un percorrido pola historia do balneario, desde a súa creación en 1873, ata o fin da empresa familiar en 1931, expoñendo as principais razóns que levaron a Otero Pedrayo a considerar este lugar algo máis que un simple establecemento termal.

Yolanda Pérez Sánchez é doutora en Historia da Arte pola Universidade de Santiago de Compostela (USC), onde tamén realizou o Máster en Renovación e Rehabilitación Urbana. Actualmente, imparte a asignatura de Historia da Arte no departamento de Composición da Universidade da Coruña (UDC) e é profesora tutora de diversas materias de historia e teoría da arte na UNED. Foi docente no Máster en Arte, Museoloxía e Crítica Contemporáneas (USC), e participou en varios proxectos de I+D relacionados co ámbito da arquitectura, a arte e a estética contemporáneas.