A Academia Galega de Belas Artes resalta a “innegable” transcendencia social, política e artística de Castelao e traballa para situalo no debate da arte europea

Manuel Quintana Martelo, presidente:

“A súa vida e obra axudaron a crear criterios aínda hoxe vixentes no noso ámbito, como fundamental argumento do país”

O Museo do Prado acollerá no vindeiro outono unha exposición que reúne por primeira vez as sete esculturas exentas do Mestre Mateo da fachada románica occidental da Catedral de Santiago

Pontevedra, 1 de abril de 2016 (Vía Láctea Comunicación).- A Real Academia Galega de Belas Artes (RAGBA) conmemorou hoxe o “Día das Artes Galegas 2016”, dedicado a figura de Castelao. O acto institucional, que se celebrou no Museo de Pontevedra, contou coa asistencia do conselleiro de Cultura da Xunta de Galicia, Román Rodríguez; a presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva Rego; e o alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores. As autoridades foron recibidas polo presidente da RAGBA, Manuel Quintana Martelo, outros académicos e unha ampla representación dos mundos da cultura e as artes galegas que poideron gozar coa música da Coral Polifónica de Pontevedra. A iniciativa conta coa colaboración oficial da Xunta de Galicia, Deputación da Coruña, Deputación de Pontevedra e Museo de Pontevedra.

O presidente da Academia destacou a “enorme e innegable” trascendencia social, política e artística de Castelao, “sen a cal non poderiamos entender a Galicia actual”. Quintana Martelo resaltou que a súa obra é unha produción de sensibilización, de compartir inquedanzas que buscan ao ser humano e a súa terra, a través dun grande poder de comunicación, da intelixente retranca construída con sinxeleza, experimentando, recollendo e anovando tradicións, esforzándose en atraer pola sátira, a mensaxe e fundamentalmente por medio do debuxo, da estampa e da seriación. “A vida e a obra de Castelao axudaron ao debate, a crear criterios vixentes aínda hoxe no noso ámbito social e político, como fundamental argumento do noso país” –expuxo.

Con esta convicción, Quintana Martelo manifestou a necesidade de mostrar a Castelao fóra das fronteiras galegas desde unha mirada contemporánea, co obxecto de promover actividades ao redor da súa figura e das súas múltiples facetas artísticas. “Hoxe é posible lograr unha visibilidade real para Castelao e situalo no debate da arte europea do seu tempo” –lembrou–.

Ademais da exposición “Castelao artista”, que se inaugurou hoxe no Museo de Pontevedra, o presidente indicou que o Ano Castelao continuará con diversos proxectos, como o que está a xestionar actualmente a Fundación Gonzalo Torrente Ballester con apoio de diversas institucións como o Instituto Cervantes.

Para dar continuidade ao “Día das Artes Galegas”, o presidente solicitou aos membros da Academia, e a todos os colectivos, que propoñan a partir de hoxe os candidatos para ser homenaxeados na conmemoración de 2017.

A Academia reclama “voz con visibilidade social” para traballar na defensa do patrimonio cultural galego

Manuel Quintana Martelo aproveitou a efeméride da arte galega para facer balance do primeiro ano de xestión da nova xunta de goberno, caracterizado polo seu “gran esforzo e traballo”. Reclamou unha “presenza activa” en todas as institucións do ámbito artístico para afianzar a visibilidade e o recoñecemento social alcanzado nos últimos tempos. “Queremos ser voz e unha voz con visibilidade social” –manifestou Quintana Martelo, que asegurou que seguirán defendendo o patrimonio cultural, como órgano consultor da Xunta de Galicia e doutras entidades públicas ou privadas que o soliciten.

A principal iniciativa posta en marcha pola Academia foi a creación do “Día das Artes Galegas”, que na súa primeira edición de 2015 estivo adicado ao Mestre Mateo como medio de estudo e divulgación das súas obras, tanto en Galicia como noutros países. Tras as negociacións pertinentes, Quintana Martelo anunciou que finalmente o Museo do Prado de Madrid acollerá no vindeiro outono unha exposición do Mestre Mateo coas sete esculturas exentas conservadas a escala natural da fachada occidental románica da Catedral de Santiago, xunto con documentos e outras pezas, “para “orgullo” de Galicia e a súa cultura. “O interese do Museo do Prado contrastou coas moitas dificultades que tivemos que solventar en Galicia para sacar adiante o proxecto”, apuntou Quintana Martelo, que tamén aclarou que a “comprensión” amosada polo presidente da Xunta de Galicia fixo posible fraguar o proxecto.

Ante este feito histórico, Quintana Martelo garantiu que a Academia seguirá traballando para levar a mostra de Mateo a outros espazos como o Metropolitan de Nova Iork ou o Museo do Louvre de París. “Temos un tesouro que debemos protexer pero tamén levalo aos mellores espazos, dando a oportunidade de velo e estudialo a outras xentes. Só se precisa un pequeno apoio económico para situar a Galicia no panorama internacional da arte” – salientou–.

Ademais, a Academia cubriu en 2015 cinco vacantes das seccións de pintura, escultura, expertos nas artes, artes da imaxe e música para activar o seu plenario co ánimo de “actualizar e dinamizar” unha entidade contemporánea e presente en todo o territorio galego ao programar os actos de ingreso por distintas cidades. Iniciouse tamén o ciclo os Martes das Artes, unha serie de encontros, conferencias, concertos, presentacións de publicacións ou cursos, abertos a todo o público, sobre o patrimonio cultural galego. Neste primeiro ano, editouse a revista Abrente para deixar constancia por escrito dos discursos dos académicos de honor e numerarios que se incorporaron á institución, e unha monografía sobre o Mestre Mateo.

A configuración das estampas de Castelao para o álbum Nós

Pola súa parte, a académica numeraria da sección de expertos nas artes da Academia, María Victoria Carballo-Calero Ramos, ofreceu unha conferencia titulada “O álbum Nós, xénese e configurazón”. Na súa intervención, a académica realizou unha análise dunha serie de estampas de Castelao recollidas no álbum Nós, composto entre os anos 1916 e 1918. A experta explicou que en realidade as cincuenta estampas do álbum foron creadas por Castelao con anterioridade, e as que finalmente se incorporaron á recompilación Nós sufriron algunhas variacións por parte do artista rianxeiro.

No prólogo do álbum, a académica lembra que Castelao fai unha auténtica declaración de intencións, que acompañando ás imaxes, “racha coa mirada tradicional da plástica galega” e ofrece un compromiso cos protagonistas das estampas, os mariñeiros e labregos, “verdadeiros” sufridores da historia de Galicia. “Castelao reflicte en imaxes a situación da Galicia non urbana” –suliñou–.

Un dos exemplos documentados por María Victoria Carballo-Calero é a estampa número 35, titulada “A tola do monte”. Indicou que a primeira versión é de 1912 e Castelao levouna a Madrid para expoñer no Salón Iturrioz onde foi destacada xa pola crítica. En cambio, a académica explicou que a versión que aparece na revista Nós en 1920 é “diferente, liñal, sintética e expresiva”, nun exercicio de adaptación diagonal que divide en dous a folla impresa, e onde a liña textual se interrumpe en procura de expresividade. “A prosa que acompaña á estampa constitúe unha referencia etnográfica, moi na liña dos traballos de Nós” –apuntou–.

Texto de Castelao na estampa publicada no álbum Nós: “….éralle unha rapaza bonita e ben asisada e din que foi unha meiga quen a enfeitizou, e despois de perdelo xuicio tívolle un fillo e contan que era do demo. Chámanlle a tola do monte. Así falou un vello, que camiñaba par da miña besta ferrada, cando eu era médico rural”.

En conclusión, María Victoria Carballo-Calero manifestou que Castelao realizaba varias versións dun mesmo tema na busca da imaxe, formalmente, como do texto, prosa ou lenda do pé “máis expresivos”.

Rianxo, berce de Castelao

Ademais, a Real Academia Galega de Belas Artes celebrará mañá sábado, día 2, un acto solemne e público no teatro do Auditorio Municipal de Rianxo, ás 12:30 horas. O presidente da Academia, Manuel Quintana Martelo, presentará o acto e a conferencia do ilustrador, debuxante e académico numerario da sección de artes da imaxe, Miguelanxo Padro, que destacará o carácter multidisciplinar do traballo de Castelao, o seu interese polas linguaxes máis novidosas e a concepción da arte como un xeito de comunicación. O alcalde de Rianxo, Adolfo Muíños Sánchez, clausurará o acto.