Médicos expertos na cura termal detectan que máis  do 70% dos pacientes con doenzas reumatolóxicas sometidos a balneoterapia logran reducir o consumo de medicamentos

Cun tratamento de nove sesións mellórase a mobilidade e redúcese a dor

Estudantes de Medicina fórmanse no balneario de Lugo sobre o valor das augas mineiromedicinais en relación aos trastornos reumáticos

Santiago de Compostela, 31 de marzo de 2016 (Vía Láctea Comunicación).- No marco da Cátedra de Hidroloxía Médica da Universidade de Santiago e a Asociación de Balnearios de Galicia, o balneario de Lugo acolle mañá venres e o sábado unhas xornadas sobre a aplicación da balneoterapia en pacientes con reuma. Un grupo de futuros médicos, que se están a formar na cura termal, coñecerán o valor terapéutico das augas mineiromedicinais en relación a esta doenza.

Os pacientes reumáticos adoitan ser persoas maiores, posto que este tipo de trastornos increméntanse a medida que a idade avanza. Pero poden afectar a individuos de calquera idade, como ocorre coa artrite reumatoide xuvenil.

A directora médico do balneario de Lugo, Ascensión Sánchez, salienta “o valor terapéutico das augas sulfuradas para combater procesos reumatolóxicos, debido á súa acción antiinflamatoria, analxésica e descontracturante; ao tempo que facilitan a mobilidade articular, reducen a rixidez e combaten a dor”. Empréganse en particular para tratar todo tipo de reumatismos dexenerativos como as artroses -dende a de xeonllos ata a de columna-, ademais de doenzas inflamatorias como a artrite reumatoide, xunto con ciáticas, lumbalxias ou a gota. Tamén son efectivas para abordar as secuelas de traumatismos e cirurxías do aparato locomotor.

A doutora sinala que se valora a cada paciente para ver o seu estado xeral e a fase evolutiva na que se atopa a enfermidade. En función deste exame médico, aplícanse tratamentos personalizados, baseados en chorros termais, duchas circulares e baños -tanto en bañeira como en piscina-. E, ademais, engádense outras técnicas complementarias ás augas mineiromedicinais como os parafangos (arxilas quentes), sesións de masaxes e de fisioterapia -mediante exercicios en seco ou en piscina-.

Segundo explica a doutora, “a duración mínima dos tratamentos é de 9 días e os resultados son moi satisfactorios”. Así, asegura que máis do 70% dos pacientes logran unha importante melloría no seu estado de saúde e, en consecuencia, na súa calidade de vida. Ademais, conséguese reducir a inxesta de medicamentos, en particular analxésicos e antiinflamatarios.

A doutora lembra que a doenza reumatolóxica máis común en persoas da terceira idade é a artrose. Pola súa parte, os pacientes de idade media acoden ao balneario con problemas musculares, na súa maioría con lumbalxia ou cervicalxia, provocados sobre todo polo estilo de vida ou debido a unha mala postura no traballo.

Sesións prácticas

Estas xornadas comezarán mañá venres, ás 17:00 horas, coa intervención da doutora Rosa Meijide, catedrática de Hidroloxía da Universidade da Coruña. Abordará a importancia do tratamento con augas termais en pacientes con enfermidades reumatolóxicas. Logo os estudantes de Medicina farán unha visita polo balneario de Lugo e finalmente realizarán unha sesión práctica para coñecer que tipo de técnicas e tratamentos se levan a cabo con este pacientes nas piscinas termais.

O sábado, ás 10:30 horas, o arqueólogo Francisco Hervés explicará a historia e a evolución do balneario de Lugo e guiará ao grupo de futuros médicos polas termas romanas. Ás 12:15 horas, a doutora Ascensión Sánchez profundizará nas técnicas de balneoterapia e os tratamentos complementarios nas doenzas reumatolóxicas. Tamén intervirá a fisioterapeuta Mª José Garrido e a socioanimadora do balneario Lucía Monín, que indicarán como traballan con estes pacientes.

As xornadas concluirán o sábado pola tarde. Os estudantes terán a oportunidade de asistir a unha sesión práctica, que lles permitirá coñecer os tratamentos respiratorios e as distintas técnicas que se aplican no balneario.

balneario_lugo1