A web de destinos turísticos TripAdvisor outórgalle unha cualificación moi boa ao museo, de 4,5 sobre 5 puntos
Santiago de Compostela, 16 de marzo de 2016 (Vía Láctea Comunicación).- O Museo Casa da Troia abre de novo as súas portas ao público durante a Semana Santa. Poderá visitarse dende este venres, 18 de marzo, ata o vindeiro domingo 27 de marzo. De martes a domingo, o horario é de 11:00 a 14:00 e de 16:00 a 20:00 horas. Estará pechado, como é habitual, o luns durante todo o día.
O museo Casa da Troia recrea a pensión de estudantes e a vida universitaria de Santiago a finais do século XIX que inmortalizou Alejandro Pérez Lugín na súa novela La Casa de la Troya. Nela aloxábase o personaxe principal, Gerardo Roquer, e os seus compañeiros de estudos. Funcionou como hospedería de estudantes dende 1886 ata 1906 e abriu as súas portas como museo en 1993, xestionado pola Asociación de Antigos Tunos Composteláns.
Tal como lembra o presidente da Asociación, Benigno Amor, as visitas son guiadas e teñen unha duración duns 20-25 minutos. Destaca “o bo estado do museo grazas á axuda recibida polo Consorcio de Santiago, que permitiu realizar obras no inmoble, destinadas a atallar os problemas de humidades e a pintar todo o interior da casa”.
Por outro lado, Amor salienta que a web de destinos turísticos TripAdvisor outórgalle unha cualificación moi boa ao Museo Casa da Troia, de 4,5 sobre 5 puntos. “O museo está moi ben valorado como visita que debe realizarse na cidade de Santiago de Compostela” -afirma-. Nesta liña, do total de 41 opinións que se recollen nesta web da Casa da Troia, 27 persoas valoran o percorrido como “excelente”, 12 como “moi bo” e 2 como “normal”. En canto aos comentarios das visitas, ponse de manifesto o carácter “ameno” e a “calidade” das explicacións por parte das guías do museo.
Visitantes de Europa e América
Durante a Semana Santa de 2015 visitaron o museo un total de 341 persoas, o 84% procedentes de diferentes puntos de España, na súa maioría de Galicia (58%). Do resto do territorio nacional destacan os madrileños (16%), andaluces (6%), asturianos (5%), catalanes e valencianos (3% cada un).
Dos visitantes estranxeiros (16% do total) predominan os chegados de países europeos, en particular italianos e británicos; xunto cos daneses, rusos e polacos. De América do Norte e Centroamérica os máis asiduos son os turistas mexicanos e os estadounidenses. De América do Sur chegan sobre todo de Brasil, ademais de Arxentina e de Perú.