Mañá martes os alumnos da Escola de Altos Estudos Musicais ofrecen un novo concerto no Paraninfo da Universidade de Santiago

A actuación, que é gratuíta ata completar aforo, comezará ás 20:30 horas

Santiago de Compostela, 14 de marzo de 2016

No marco do programa “A Escola na Cidade”, que promove a Escola de Altos Estudos Musicais (EAEM), con sede en Santiago de Compostela, mañá martes, 15 de marzo, ofrécese un novo concerto protagonizado polos alumnos do curso de posgrao do centro. Terá lugar ás 20:30 horas no Paraninfo da Universidade de Santiago, na facultade de Xeografía e Historia. A entrada é gratuíta ata completar aforo. A duración estimada desta actuación é dunha hora e media.

A cita musical comezará cun dúo de marimbas, que interpretará a obra Nagoya de Steve Reich. De seguido actuará un trío de corda, integrado por dous violinistas e un violoncellista. Tocarán parte das seguintes obras: Trío para dous violíns e viola da gamba de Bach, Trío sonata nº 1 de Giuseppe Tartini, Trío de Alexander Borodin e Terzetto de Antonín Dvorák.

A actuación continuará con cuarteto de cordas, formado por dous  violinistas, un violista e un violoncellista. Achegarán ao público o Cuarteto de cordas nº 3 de Joseph Haydn e o Cuarteto de cordas nº 2 sobre temas Kabadrinas de Sergei Prokofiev.

O concerto concluirá cun quinteto de metais, integrado por dous trompetistas, un trombón, un trompista e unha tuba. Interpretarán dúas obras: Brass Quintet de Victor Ewald e “Xúpiter” de Os Planetas de Gustav Holst.

A Escola na Cidade

O programa “A Escola na Cidade” é un ciclo de concertos interpretados polos alumnos do Curzo Avanzado de Especialización Orquestral do centro, curso de posgrao recoñecido como título propio da Universidade de Santiago. Con esta iniciativa a Escola implícase na programación cultural de Santiago, a través da organización periódica de concertos de cámara protagonizados polos alumnos do centro, xunto con ciclos de solistas.

1701