Mañá luns os alumnos da Escola de Altos Estudos Musicais ofrecen un concerto no Paraninfo da Universidade de Santiago

A actuación, que é gratuíta ata completar aforo, comezará ás 20:30 horas

Santiago de Compostela, 13 de marzo de 2016

No marco do programa “A Escola na Cidade”, que promove a Escola de Altos Estudos Musicais (EAEM), con sede en Santiago de Compostela, mañá luns, 14 de marzo, ofrécese un novo concerto protagonizado polos alumnos do curso de posgrao do centro. Terá lugar ás 20:30 horas no Paraninfo da Universidade de Santiago, na facultade de Xeografía e Historia. A entrada é gratuíta ata completar aforo. A duración estimada desta actuación é dunha hora e media.

A cita musical comezará coa intervención do quinteto de vento da Escola, que interpretará tres obras: A Chloris de Reynaldo Hahn, Quinteto de vento nº 2 de Franz Danzi e Quinteto de vento nº 1 de Jean Françaix. Participarán unha frautista, unha oboísta, un clarinetista, un fagotista e un trompista.

Na segunda parte do concerto actuará un cuarteto de corda, integrado por dúas violinistas, un violista e un violoncellista. Tocarán o Cuarteto de corda nº 3 de Joseph Haydn e concluirán co Cuarteto de corda nº 14 “A morte e a doncela” do compositor romántico austríaco Franz Schubert.

A Escola na Cidade

O programa “A Escola na Cidade” é un ciclo de concertos interpretados polos alumnos do Curzo Avanzado de Especialización Orquestral do centro, curso de posgrao recoñecido como título propio da Universidade de Santiago. Con esta iniciativa a Escola implícase na programación cultural de Santiago, a través da organización periódica de concertos de cámara protagonizados polos alumnos do centro, xunto con ciclos de solistas.

 

9485