O historiador Alfredo Erias analiza a iconografía do gótico galego e as mesturas da simboloxía da sociedade civil e a eclesiástica 

PREVISIÓN INFORMATIVA

ASUNTO                 Conferencia “Iconografía gótica de Galicia vista desde Betanzos”, no ciclo Martes das Artes

ORGANIZA             Real Academia Galega de Belas Artes (RAGBA)

RELATOR              Alfredo Erias Martínez – doutor en Historia da Arte Medieval pola Universidade de Santiago (USC)

LUGAR                   Real Academia Galega de Belas Artes, Praza Pintor Álvarez Sotomayor, 1 –A Coruña–  

DATA                      Mañá martes, 1 de marzo

HORA                     20:00 horas

A conferencia celebrarase mañá na Academia Galega de Belas Artes, ás 20:00 horas  

A Coruña, 29 de febreiro de 2016.- A Real Academia Galega de Belas Artes (RAGBA) celebrará mañá martes, día 1 de marzo, unha nova sesión do ciclo Martes das Artes coa conferencia do doutor en Historia da Arte Medieval pola Universidade de Santiago (USC) e director do Museo das Mariñas e do Arquivo de Betanzos, Alfredo Erias, titulada “Iconografía gótica de Galicia vista desde Betanzos”. Será ás 20:00 horas no salón de actos da Academia.

Alfredo Erias dedicou a súa tese doutoral, presentada en xaneiro de 2014 cunha cualificación de sobresaínte cum laude por unanimidade, á “Iconografía das tres igrexas góticas de Betanzos: San Francisco, Santa María do Azougue e Santiago”, un traballo que derivou na publicación dun libro do mesmo título, coeditado por Briga Edicións e a Xunta de Galicia. Pola publicación da súa tese, Erias recibiu o Premio Pedra do Destino 2015 outorgado pola asociación de Amigos dos Museos de Galicia.

Na conferencia, Erias ofrecerá unha ampla viaxe pola riquísima iconografía do gótico galego, onde se mestura o humano e o divino con claras manifestacións de poder e propaganda, tanto desde a sociedade civil como desde a eclesiástica. En certo modo, Erias explica que se trata dunha época moi teatral, onde escenario por excelencia para desenvolver as distintas pedagoxías é o templo, reflexo do gran poder da Igrexa nunha etapa da historia protagonizada pola fame, as guerras e a peste.

Nun traballo de tres décadas debuxando por toda Galicia, Alfredo Erias ofrece unha idea bastante aproximada da evolución da imaxe dos galegos na Baixa Idade Media e, moi especialmente, no período gótico (ss. XIV-XV), momento no que o cambio de réxime, derivado da victoria de Enrique de Trastámara sobre Pedro I, propicia a chegada ao poder de novas familias. “É a época dos cabaleiros trastamaristas que necesitan xustificar a súa nova posición social e para iso alíanse coas recentes ordes mendicantes ás que lles constrúen grandes igrexas e mosteiros nas vilas a cambio de utilizar eses espazos sagrados como panteóns propios e da liñaxe” –apunta o historiador–.

“Os mariñeiros e artesáns apenas sobresaen detrás dos seus símbolos gremiais, agás as excepcións do Pazo de Xelmírez e o Pórtico da Gloria”

Ademais, Erias indica que os campesiños, o grupo máis numeroso e base económica do sistema, case non aparecen, pero sí figuran no espectacular calendario agrícola medieval de Santa María do Azougue en Betanzos, o único completo que se conserva. “Os mariñeiros e artesáns apenas sobresaen detrás dos seus símbolos gremiais –apunta o experto–, agás as excepcións do Pazo de Xelmírez e o Pórtico da Gloria”.

Seguindo coa análise, Erias fai mención tamén ao clero regular e secular e a figura do peregrino, “un grupo transversal que se fai moi visible en localidades como Betanzos, onde se cruza o Camiño Inglés e o do Norte”.

Un espazo para ver distintos estamentos da sociedade é a caza. Erias non só analiza a que se ve en Betanzos, aos arredores de Andrade, senón que debuxa todos os sepulcros portugueses de tema cinexético e fai unha incursión nos sarcófagos romanos do Baixo Imperio, sen esquecer o comercio de finísimas laudas sepulcrais de latón que nos séculos XIV e XV se exportaban a toda Europa desde Flandes, con incrustacións de motivos de caza ao estilo romano.

Unha vez analizada a imaxe da sociedade da época, Erias estuda a imaxe de Deus e o seu contorno, desde a Anunciación ata a Crucifixión e Resurrección e tamén se detén no Deus-Luz dos rosetóns e a súa influencia na iconografía persoal de Fernán Pérez de Andrade.

Por outra parte, Erias pon de manifesto por primeira vez a importancia do Green Man ou Home Verde en Galicia e fai unha tipoloxía pormenorizada dos axentes da tentación, tendo en conta que se trata dun tema obsesivo para os mendicantes franciscanos. Así desemboca Erias na escena do xuizo universal e o paraíso franciscano-andradiano na igrexa de San Francisco de Betanzos que é unha iconografía cume do gótico galego.

alfredo_erias