Os balnearios e talasos galegos presentan en París as súas ofertas para os termalistas franceses

A Asociación de Balnearios de Galicia participa estes días en Thermalies, a feira do sector que se celebra cada ano en Francia

Santiago de Compostela, 22 de xaneiro de 2016 (Vía Láctea Comunicación).- A Asociación de Balnearios de Galicia está a participar estes días en Thermalies, a feira internacional de termalismo que cada ano se celebra en Francia. O salón estase a desenvolver en París, dende o 21 ata o 24 deste mes. Durante o evento diversos balnearios e talasos galegos están a presentar as súas ofertas especiais dirixidas aos termalistas franceses.

Nesta iniciativa participan, da provincia de Lugo, o Balneario de Guitiriz. A provincia de Ourense está representada polos balnearios de Arnoia, Laias (situado na localidade de Cenlle) e Lobios. Da provincia de Pontevedra está o balneario Termas de Cuntis. E, dado que nesta experiencia cóntase coa colaboración da Agrupación Empresarial Innovadora Termal de Galicia -AEITEGAL-, tamén está a mostrar as súas propostas nesta feira o Talaso Atlántico, situado no concello pontevedrés de Oia.

Os balnearios e talasos galegos integrados nesta iniciativa propoñen aos turistas franceses gozar dos encantos e da gastronomía de Galicia a través dos establecementos termais. Nesta liña, ofrecen programas de 5 días e 4 noites, a prezos que se sitúan nos 530 euros de media para unha persoa e nos 870 € para dúas persoas. E, por outro lado, suxiren estadías de 10 días e 9 noites a un prezo medio duns 1.200 € para unha persoa e de 1.950 € para dúas persoas. Todas as ofertas inclúen un completo programa termal.

Posibilidade de realizar proxectos conxuntos co sector termal europeo

Tal como resalta o xerente da Asociación de Balnearios de Galicia, Benigno Amor, ao longo destes días numeroso público está a acudir ao stand da Axencia Turismo de Galicia para interesarse pola oferta termal da comunidade. E manifesta a relevancia desta feira de cara a establecer encontros con representantes de balnearios, non só franceses, senón tamén doutros puntos de Europa, co fin de poder desenvolver proxectos conxuntos.

Segundo resalta Benigno Amor, apoiado polos datos dun estudo realizado por Turespaña, “no relativo á oferta de turismo de saúde por comunidades autónomas, Galicia ocupa o primeiro posto en canto a instalacións balnearias e o quinto lugar en centros de talasoterapia”.